luns, 11 de maio de 2020

1º ESO Ímonos á Hélade!!


Bos días a todos!!🌞

Esta semana viaxaremos á Helade que siginifica "o territorio dos gregos" e que era como eles mismos chamaban ao seu territorio.

Onde xorde a civilización grega?

A civilización grega naceu nas costas da península balcánica e nas illas do mar Exeo. Estas terras, bañadas polo mas Mediterráneo expandiránse ocupando illas do mar Xónico, polas costas de Asia Menor (na actual Turquía) e polo mediterráneo occidental.

A Península Balcánica é unha zona moi motañosa con pequenos vales entre as montañas e,por iso, os gregos se organizaron en pequenas cidades-Estado independentes entre sí (as polis) pero compartindo unha mesma lingua, relixión, cultura e un mesmo territorio, ao que como vimos, chamaban Hélade.




Como as terras dos gregos non eran moi produtivas, tiveron que buscar outras formas de vida e atoparon no Mar Mediterráneo unha boa forma de vida: podían pescar, navegar, comerciar...


Como veremos nestas semanas, a historia da Antiga Grecia divídese en tres etapas:

1. A época arcaica (entre os séculos IX e VI a.C.)
2. A época clásica (durante o século V a.C. e primeira metade do IV a.C.)
3. E a época helenística (desde mediados do IV a.C. ata  século Ia.C.)



As cidades-Estado ou polis adoitaban estar protexidas con murallas e tiñan unha estrutura urbana moi semellante: 

- Na parte alta da cidade estaba a ACRÓPOLE, unha zona amurallada que reunía os principais edificios relixiosos. Os habitantes da polis podíanse refuxiar nela en caso de perigo.
- A parte baixa organizábase en barrios onde se agrupaban as vivendas. No centro situábase a ÁGORA, unha praza onde se instalaba o mercado e que estaba rodeada de edificios relixiosos, políticos e comerciais.

As polis gregas eran parecidas entre elas, aínda que se gobernaban de formas moi distintas. Esparta, no Peloponeso, e Atenas, na Ática,  foron dúas polis moi poderosas con distintas formas de goberno

- Esparta era unha oligarquía, que significa "goberno duns poucos". A cidade estaba gobernada polo grupo dos aristoi ("os mellores"), que eran grandes propietarios de terras e constituían a elite guerreira. Os aristócratas dominaban o resto da poboación, que non podía participar no goberno da cidade.

- Atenas era unha democracia, que significa "goberno do pobo". Os cidadáns de Atenas reuníanse nunha asemblea, onde elixían os seus gobernantes e votaban as leis. Este sistema de goberno desenvolveuse a partir do século V a.C. Na imaxe da dereita podemos ver como se organizaba esta democracia.

E a sociedade?

Pois a sociedade non era igualitaria, nin en Esparta nin tampouco en Atenas.
 
Os atenienses non eran todos iguais nin gozaban dos mesmos dereitos. Tan só uns poucos eran considerados cidadáns e podían votar na Asemblea e participar no goberno da cidade. A maioría da poboación ateniense, xa que logo, estaba excluída da vida política.


- Os cidadáns eran os que tiñan pai e nai ateniense. Tiñan dereito a votar e a seren elixidos para un cargo público e defendían a cidade en tempos de guerra e pagaban o seu propio equipo militar.

- As mulleres vivían recluídas nos seus fogares, dedicadas á vida doméstica. Non tiñan dereito a voto e participaban pouco da vida política.

- Os escravos eran propiedade doutra persoa e non tiñan dereito ningún.

- Os metecos eran os estranxeiros, traballaban de artesáns e comerciantes, pagaban impostos, pero non podían participar en política. Podían formar parte do exército, pero nunca en postos de mando.


E que pasou na época arcaica de Grecia?

Pois foi durante a época arcaica cando os gregos se agruparon formando as polis e onde xurdiron con forza as polis de Esparta e Atenas, coas suas respectivas formas de goberno. 

Ademáis, durante o século VIII e ata o VI a.C., Grecia estivo nunha profunda crise. A poboación crecía moito pero, como dixemos, a terra estaba mal repartida e non era abundante. 

Que fixeron os gregos enton? 

Moitos gregos emigraron, marcharon de Grecia buscando outras terras máis fértiles. Recordaide que os gregos eran moi bos navegantes! Estos emigrantes fundaron moitas colonias por todo o mas Mediterráneo, como vemos no mapa que vos adxunto.


Nas novas localizacións, cultivaban a terra, comerciaban cos indíxenas e extraían materias primas. 
Os territorios elixidos tiñan unhas características comúns: 

- Bo acceso por mar
- Unha localización de doada defensa 
- Un aprovisionamento de auga 
- Proximidade a poboados indíxenas cos que comerciar.

A zona máis importante de colonización grega no Mediterráneo foi o sur de Italia e Sicilia (Magna Grecia), aínda que tamén chegaron ata as costas da Península Ibérica. Cara a Oriente expandíronse polas ribeiras do mar Negro.

Ata aquí por hoxe. Na seguinte sesión veremos como durante a época clásica o dominio de Atenas e Esparta en toda Grecia faise evidente e como é unha época marcada polas guerras. Máis adiante, achegarémonos ao maior imperio da Antigüidade, o de Alexandre Magno, que foi quen unificou as polis gregas e estendeu o helenismo (a cultura grega) por todas as zonas que conquistou.

Imos agora coa primeira tarefa desta semana: atoparedes en Edmodo un cuestionario listo para respostar! 

Ánimo a todos e calquera dúbida aquí estou para resolvela!

Unha aperta
Bea🌈




Fontes empregadas en texto e imaxes: Propias, VicensVives e Santillana.

Ningún comentario:

Publicar un comentario