- Inicio
- Welcome little historians!!!!
- Little Historiadores 1º
- Little Historiadores 4º
- Little Historiadores 2º
- Valores Éticos 1ºESO
- Valores Éticos 3ºESO
- Pendentes 1ºESO
- Reforzo 4º ESO
- Reforzo 1ºESO
- Titoría 4º ESO
- Somos Artistas!
- Proxecto ATS2020
- eTwinning Projects
- Comentarios de Texto
- Herramientas y Recursos
Amosando publicacións coa etiqueta Antiga Grecia b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Antiga Grecia b>. Amosar todas as publicacións
martes, 9 de xuño de 2020
1º ESO Ímonos á Hélade! Resolución tarefa
Bos días a todos!!!👋🌞
Hoxe deixovos aquí a resolución á mini-tarefa sobre a pintura grega.
Fixéstelo xenial! 👏😊
Resolución Ímonos á Hélade! Pintura grega
mércores, 27 de maio de 2020
1º ESO Ímonos á Helade! Tarefa repaso final: Kahoot! Quen sabe máis?
Bos días a todos!!!👋🌞
Hoxe imos a facer un repasiño do tema que estivemos vendo estas semanas, a Antiga Grecia.
Para iso, primeiro imos a ver uns vídeos que nos explican polo miúdo este tema (por se quedou algún fleco solto! 😉) Cada vídeo está adicado a unha etapa da historia grega (arcaica, clásica e helenística), así que podedes velos todos ou o que trate sobre a etapa que máis vos interesa:
Agora imos coa tarefa final de repaso diste tema que, nesta ocasión, é un concurso en Kahoot!
Para facela debedes por o voso nome despois de facer click na seguinte ligazón e ser os máis rápidos en acertar as preguntas para gañar! A puntuación que saquedes será a que vos engada ao voso progreso en Edmodo, calculada sobre 10:
Ata aquí por hoxe.
Unha aperta grande,
Bea.😍
mércores, 13 de maio de 2020
1º ESO Ímonos á Hélade: da época clásica ao imperio de Alexandre Magno
Bos días a todos!
Hoxe imos a profundizar na época clásica da Antiga Grecia. Para aqueles que aínda non lle botaron un olliño, este vídeo explica de forma clara e concisa tanto as Guerras Médicas como a Guerra do Peloponeso e vainos servir de marabilla para resolver a última tarefa desta semana.
Para quen prefira outros vídeos, un pouquechiño máis amplos, deixovos estos dous que falan de cada un dos conflitos independentemente:
E aquí unha explicación:
Como xa vimos o luns, durante o século V a.C. e primeira metade do IV a.C., desenvolveuse en Grecia o período clásico, caracterizado polo poder de Atenas e Esparta e polas continuas guerras.
Foi nese século V a.C., cando os atenienses enfrontáronse aos persas, que querían conquistar a súa polis. Este enfrontamento é o que coñecemos como Guerras Médicas, nas que Atenas derrotou Persia nas batallas de Maratón e Salamina.
Despois da vitoria sobre os persas, Atenas converteuse na cidade máis poderosa da Hélade e exerceu a súa hexemonía sobre moitas outras cidades.
Para organizarse militarmente ante outro posible ataque persa, creouse a Liga de Delos (477 a.C.), unha asociación de cidades dirixida por Atenas. Cada polis achegaba barcos e cartos para manter unha frota, e era Atenas quen recadaba os impostos e os gardaba na illa de Delos (tesouro de Delos).
Algunhas polis acusaron Atenas de acumular demasiado poder así como de utilizar o tesouro de Delos no seu proveito. Daquela, quixeron disolver a alianza e Atenas impediuno pola forza.
Esparta opoñíase á hexemonía ateniense e encabezou unha coalición de cidades para enfrontarse a Atenas (Liga do Peloponeso).
Iniciáronse así as Guerras do Peloponeso (431-404 a.C.). O seu desenlace foi a derrota de Atenas, que quedou completamente devastada, e a dos seus aliados.
A guerra deixou toda Grecia sumida nun estado de pobreza. Ademais, o conflito entre democracia (Atenas) e oligarquía (Esparta) xerou guerras entre as polis. Moitas cidades, entre elas Atenas, caeron en mans de tiranos.
As guerras do Peloponeso supuxeron o final da época de esplendor das polis gregas.
Que pasou logo?
No século IV a.C., Macedonia era un territorio do norte de Grecia basicamente agrícola e gobernado por unha monarquía hereditaria.
O rei Filipo II aproveitou a debilidade das polis, derrotou os atenienses e lanzouse á conquistar Grecia cun poderoso exército organizado en falanxes.
A falanxe era unha formación militar de soldados a pé que combatían moi próximos entre eles e ían equipados con escudos e longas lanzas.
Sucedeulle o seu fillo Alexandre, que unificou toda a Hélade baixo a súa monarquía. Foi a fin das polis constituídas como cidades-Estado independentes.
Quen foi Alexandre Magno?
Alexandre (356 a.C.-323 a.C.) era fillo do rei Filipo de Macedonia. Foi educado polo filósofo Aristóteles, admiraba as obras de Homero e queríase parecer a Aquiles, o heroe lendario da Ilíada que loitara contra os troianos.
O seu pai morreu cando el tiña 20 anos e herdou un reino que acababa de conquistar a meirande parte da Hélade. Alexandre estableceu a monarquía como forma de goberno en Grecia. Todo o poder se concentraba nas súas mans e se apoiaba na forza do seu exército.
Tamén quixo continuar a obra do seu pai e liberar as cidades gregas de Asia Menor que se atopaban sometidas polo rei persa Darío III. Por iso enfrontouse ao imperio persa e iniciou unha campaña militar que, en dez anos, habería de conquistar o maior imperio da Antigüidade.
| Mosaico que amosa o enfrontamento entre Alexandre e Darío: mentres as tropas persas foxen desordenadas, malia seren máis numerosas, as de Alexandre avanzan vitoriosas, século II d.C. |
Alexandre conquistou un vasto imperio entre os anos 334 e 324 a.C. Como vemos no mapa, Asia Menor e as costas orientais do Mediterráneo, Exipto (onde fundou a famosa cidade de Alexandría), as grandes cidades persas e ata se introduxo na Asia Central, chegando ata a India!
Alexandre Magno pretendía difundir a civilización grega e achegar os gregos ás civilizacións orientais.
As súas conquistas implicaron a fundación de numerosas cidades, que se encheron de templos, teatros e palacios ao estilo grego. Pero Alexandre tamén quixo achegarse ás culturas orientais e respectou as súas crenzas e costumes, intentando identificarse e adaptarse a elas.
Esta grande expansión da cultura e da civilización gregas coñécese como "helenismo".
No entanto, o imperio de Alexandre non sobreviviu á súa morte. Os seus xenerais dividírono en catro reinos helenísticos (Macedonia, reino ptolemaico de Exipto, reino Seléucida e Pérgamo), que foron gobernados por reis.
Imos agora coa segunda tarefa desta semana. Nesta ocasión dous exercicios ben faciliños:
Calquera dúbida, aquí me tendes!
Unha aperta,
Bea 🌈
luns, 11 de maio de 2020
1º ESO Ímonos á Hélade!!
Bos días de novo!🌞🌞
Aquí vos deixo un vídeo por si lle queredes botar unha olladiña antes de contestar o cuestionario que vos prantexo esta semana!
Unha aperta!
Bea
1º ESO Ímonos á Hélade!!
Bos días a todos!!🌞
Esta semana viaxaremos á Helade que siginifica "o territorio dos gregos" e que era como eles mismos chamaban ao seu territorio.
Onde xorde a civilización grega?
A Península Balcánica é unha zona moi motañosa con pequenos vales entre as montañas e,por iso, os gregos se organizaron en pequenas cidades-Estado independentes entre sí (as polis) pero compartindo unha mesma lingua, relixión, cultura e un mesmo territorio, ao que como vimos, chamaban Hélade.
Como veremos nestas semanas, a historia da Antiga Grecia divídese en tres etapas:
1. A época arcaica (entre os séculos IX e VI a.C.)
2. A época clásica (durante o século V a.C. e primeira metade do IV a.C.)
3. E a época helenística (desde mediados do IV a.C. ata século Ia.C.)
As cidades-Estado ou polis adoitaban estar protexidas con murallas e tiñan unha estrutura urbana moi semellante:
- Na parte alta da cidade estaba a ACRÓPOLE, unha zona amurallada que reunía os principais edificios relixiosos. Os habitantes da polis podíanse refuxiar nela en caso de perigo.
- A parte baixa organizábase en barrios onde se agrupaban as vivendas. No centro situábase a ÁGORA, unha praza onde se instalaba o mercado e que estaba rodeada de edificios relixiosos, políticos e comerciais.
As polis gregas eran parecidas entre elas, aínda que se gobernaban de formas moi distintas. Esparta, no Peloponeso, e Atenas, na Ática, foron dúas polis moi poderosas con distintas formas de goberno:
- Esparta era unha oligarquía, que significa "goberno duns poucos". A cidade estaba gobernada polo grupo dos aristoi ("os mellores"), que eran grandes propietarios de terras e constituían a elite guerreira. Os aristócratas dominaban o resto da poboación, que non podía participar no goberno da cidade.
E a sociedade?
Pois a sociedade non era igualitaria, nin en Esparta nin tampouco en Atenas.
Os atenienses non eran todos iguais nin gozaban dos mesmos dereitos. Tan só uns poucos eran considerados cidadáns e podían votar na Asemblea e participar no goberno da cidade. A maioría da poboación ateniense, xa que logo, estaba excluída da vida política.
- Os escravos eran propiedade doutra persoa e non tiñan dereito ningún.
- Os metecos eran os estranxeiros, traballaban de artesáns e comerciantes, pagaban impostos, pero non podían participar en política. Podían formar parte do exército, pero nunca en postos de mando.
E que pasou na época arcaica de Grecia?
Pois foi durante a época arcaica cando os gregos se agruparon formando as polis e onde xurdiron con forza as polis de Esparta e Atenas, coas suas respectivas formas de goberno.
Ademáis, durante o século VIII e ata o VI a.C., Grecia estivo nunha profunda crise. A poboación crecía moito pero, como dixemos, a terra estaba mal repartida e non era abundante.
Que fixeron os gregos enton?
Moitos gregos emigraron, marcharon de Grecia buscando outras terras máis fértiles. Recordaide que os gregos eran moi bos navegantes! Estos emigrantes fundaron moitas colonias por todo o mas Mediterráneo, como vemos no mapa que vos adxunto.
Nas novas localizacións, cultivaban a terra, comerciaban cos indíxenas e extraían materias primas.
Os territorios elixidos tiñan unhas características comúns:
- Bo acceso por mar
- Unha localización de doada defensa
- Un aprovisionamento de auga
- Proximidade a poboados indíxenas cos que comerciar.
A zona máis importante de colonización grega no Mediterráneo foi o sur de Italia e Sicilia (Magna Grecia), aínda que tamén chegaron ata as costas da Península Ibérica. Cara a Oriente expandíronse polas ribeiras do mar Negro.
Ata aquí por hoxe. Na seguinte sesión veremos como durante a época clásica o dominio de Atenas e Esparta en toda Grecia faise evidente e como é unha época marcada polas guerras. Máis adiante, achegarémonos ao maior imperio da Antigüidade, o de Alexandre Magno, que foi quen unificou as polis gregas e estendeu o helenismo (a cultura grega) por todas as zonas que conquistou.
Imos agora coa primeira tarefa desta semana: atoparedes en Edmodo un cuestionario listo para respostar!
Ánimo a todos e calquera dúbida aquí estou para resolvela!
Unha aperta
Bea🌈
Fontes empregadas en texto e imaxes: Propias, VicensVives e Santillana.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)