mércores, 13 de maio de 2020

1º ESO Ímonos á Hélade: da época clásica ao imperio de Alexandre Magno


Bos días a todos!

Hoxe imos a profundizar na época clásica da Antiga Grecia. Para aqueles que aínda non lle botaron un olliño, este vídeo explica de forma clara e concisa tanto as Guerras Médicas como a Guerra do Peloponeso e vainos servir de marabilla para resolver a última tarefa desta semana.


Para quen prefira outros vídeos, un pouquechiño máis amplos, deixovos estos dous que falan de cada un dos conflitos independentemente:






E aquí unha explicación:

Como xa vimos o luns, durante o século V a.C. e primeira metade do IV a.C., desenvolveuse en Grecia o período clásico, caracterizado polo poder de Atenas e Esparta e polas continuas guerras.


Foi nese século V a.C., cando os atenienses enfrontáronse aos persas, que querían conquistar a súa polis. Este enfrontamento é o que coñecemos como Guerras Médicas, nas que Atenas derrotou Persia nas batallas de Maratón e Salamina.

Despois da vitoria sobre os persas, Atenas converteuse na cidade máis poderosa da Hélade e exerceu a súa hexemonía sobre moitas outras cidades.

Para organizarse militarmente ante outro posible ataque persa, creouse a Liga de Delos (477 a.C.), unha asociación de cidades dirixida por Atenas. Cada polis achegaba barcos e cartos para manter unha frota, e era Atenas quen recadaba os impostos e os gardaba na illa de Delos (tesouro de Delos).

Algunhas polis acusaron Atenas de acumular demasiado poder así como de utilizar o tesouro de Delos no seu proveito. Daquela, quixeron disolver a alianza e Atenas impediuno pola forza.

Esparta opoñíase á hexemonía ateniense e encabezou unha coalición de cidades para enfrontarse a Atenas (Liga do Peloponeso).

Iniciáronse así as Guerras do Peloponeso (431-404 a.C.). O seu desenlace foi a derrota de Atenas, que quedou completamente devastada, e a dos seus aliados.

A guerra deixou toda Grecia sumida nun estado de pobreza. Ademais, o conflito entre democracia (Atenas) e oligarquía (Esparta) xerou guerras entre as polis. Moitas cidades, entre elas Atenas, caeron en mans de tiranos.

As guerras do Peloponeso supuxeron o final da época de esplendor das polis gregas.

Que pasou logo?

No século IV a.C., Macedonia era un territorio do norte de Grecia basicamente agrícola e gobernado por unha monarquía hereditaria.

O rei Filipo II aproveitou a debilidade das polis, derrotou os atenienses e lanzouse á conquistar Grecia cun poderoso exército organizado en falanxes.

A falanxe era unha formación militar de soldados a pé que combatían moi próximos entre eles e ían equipados con escudos e longas lanzas.

Sucedeulle o seu fillo Alexandre, que unificou toda a Hélade baixo a súa monarquía. Foi a fin das polis constituídas como cidades-Estado independentes.

Quen foi Alexandre Magno?

Alexandre (356 a.C.-323 a.C.) era fillo do rei Filipo de Macedonia. Foi educado polo filósofo Aristóteles, admiraba as obras de Homero e queríase parecer a Aquiles, o heroe lendario da Ilíada que loitara contra os troianos.

O seu pai morreu cando el tiña 20 anos e herdou un reino que acababa de conquistar a meirande parte da Hélade. Alexandre estableceu a monarquía como forma de goberno en Grecia. Todo o poder se concentraba nas súas mans e se apoiaba na forza do seu exército.

Tamén quixo continuar a obra do seu pai e liberar as cidades gregas de Asia Menor que se atopaban sometidas polo rei persa Darío III. Por iso enfrontouse ao imperio persa e iniciou unha campaña militar que, en dez anos, habería de conquistar o maior imperio da Antigüidade.
Mosaico que amosa o enfrontamento entre Alexandre e Darío: mentres as tropas persas foxen desordenadas, malia seren máis numerosas, as de Alexandre avanzan vitoriosas, século II d.C.

Alexandre conquistou un vasto imperio entre os anos 334 e 324 a.C. Como vemos no mapa, Asia Menor e as costas orientais do Mediterráneo, Exipto (onde fundou a famosa cidade de Alexandría), as grandes cidades persas  e ata se introduxo na Asia Central, chegando ata a India! 

Alexandre Magno pretendía difundir a civilización grega e achegar os gregos ás civilizacións orientais.

As súas conquistas implicaron a fundación de numerosas cidades, que se encheron de templos, teatros e palacios ao estilo grego. Pero Alexandre tamén quixo achegarse ás culturas orientais e respectou as súas crenzas e costumes, intentando identificarse e adaptarse a elas. 

Esta grande expansión da cultura e da civilización gregas coñécese como "helenismo".


No entanto, o imperio de Alexandre non sobreviviu á súa morte. Os seus xenerais dividírono en catro reinos helenísticos (Macedonia, reino ptolemaico de Exipto, reino Seléucida e Pérgamo), que foron gobernados por reis.

Imos agora coa segunda tarefa desta semana. Nesta ocasión dous exercicios ben faciliños:


Calquera dúbida, aquí me tendes!

Unha aperta,
Bea 🌈



Ningún comentario:

Publicar un comentario