Bos días a todos!!🌞
Continuamos traballando no proxecto interdisciplinar que estamos a levar a cabo e que nos achega á España que viviron os nosos avós ou bisavós.
Hoxe o profe Diego e máis eu, desde as materias de Física e Quimica e Historia, propoñémosvos un traballo conxunto sobre a creación de encoros/ embalses nos ríos galegos durante o franquismo.
Para iso ímonos achegar a un que probablemente coñezades pola súa proximidade á cidade de Ourense e que se caracteriza por ser o primeiro gran encoro de Galicia nesta época e o primeiro para Fenosa: o encoro de As Conchas, no pobo do mesmo nome, moi cerquiña de Bande, Muiños e Lobeira.
Este encoro, inaugurado oficialmente en 1949, aproveita o caudal das augas do río Limia. A obra do encoro concederase xa 30 anos atrás e a súa posta en marcha, como nos conta Alexander dos Ríos, cambiará a paisaxe de tres concellos da Baixa Limia (os citados Muiños, Lobeira e Bande) e marcará "o inicio dunha nova maneira de producir enerxía hidroeléctrica en Galicia: os grandes encoros”.
Proxecto dunha presa similar a de As Conchas e o campamento para os construtores, 1943.
Fonte imaxe: AHFB.
Pedro Barrié de la Maza
Despois de pasar por varias mans a concesión para levantar este encoro, en 1941 acaba nas do Banco Pastor e… quen era o presidente do Banco Pastor por aquel entón? Pois Pedro Barrié de la Maza.
Foi él quen busca a forma de levar a cabo a obra do encoro de As Conchas que, para aquel entón, supoñía un gran reto técnico e financeiro.
Pedro Barrié de la Maza de novo
Para poder con este reto, atopa un aliado nunha casa bancaria de Santiago de Compostela coñecida como Hijos de Olimpo Pérez e con ela crea, en 1943, a empresa Forzas Eléctricas do Noroeste S.A. ou, o que é o mesmo, FENOSA. O 25 de setembro dese mesmo ano, tras as expropiacións de terreos necesarias -máis de 7000-, comezan as obras.
Bendición das obras de As Conchas. Vemos a Pedro Barrié de la Maza apoiado sobre un bastón, 1943.
Fonte imaxe: AHFB.
En decembro de 1944, Franco (amigo íntimo de Pedro Barrié de la Maza e co que comparte un pasado que deberedes de investigar) aprobará un decreto polo que se declaran “de urxencia” as obras deste encoro.
Na construción do “salto” hidroeléctrico houbo varias complicacións técnicas que foron atrasando a obra. Este encoro forma un gran lago artificial que percorre un 14 km e ocupa unha superficie máxima de 645 hectáreas, con zonas máis estreitas e outras máis anchas. Ademais, desde a zona da presa á central hai dous quilómetros de distancia río abaixo.
Inauguración oficial do embalse de As Conchas en 1949. Barrié de la Maza (terceiro pola esquerda) e Franco (terceiro por la derecha)
Fonte imaxe: galeon.com
Sobre as primeiras probas e a súa posta en marcha fálanos Alexander dos Ríos, do blog Vía Lethes:
“O 4 de agosto de 1948 púxose en funcionamento (experimentalmente) o primeiro grupo electróxeno de 14.500 kVA do salto de As Conchas, que cubriu dous terzos da demanda eléctrica da área de Vigo e Pontevedra, e acabou coas restricións na corrente viguesa. Pedro Barrié de la Maza declararía no Consello de Administración de Fenosa de abril de 1949 que “só cun grupo das Conchas arranxouse o problema eléctrico de Galicia”. Pouco máis tarde, o 16 de setembro de 1949, co segundo grupo de idénticas características xa en funcionamento, celebraríase a inauguración oficial.”
O embalse (ou "pantano" como lles chamaba Franco) foi inaugurado polo propio Caudillo, que acudiu a Galicia co ministro de Industria, o de Obras Públicas e o de Mariña.
Temos testemuño deste momento no NO- DO que se emitiu por aquel entón dando cobertura a esta inauguración:
Como vemos no vídeo Franco aproveitou a visita para inaugurar tamén o edificio do Goberno Civil de Ourense (actual Subdelegación do Goberno que seguro estades fartos de ver xunto ó Parque de San Lázaro) e o Hospital de Piñor (que por aquelas estaba destinado aos “tuberculosos”. Ademais na súa visita aproveita tamén para visitar Celanova e outra das centrais hidroeléctricas da provincia, a dos Peares.
Franco en Ourense
Deixámosvos aquí tamén outros medios que se fixeron eco desta noticia, como o ABC, que o incluíu na súa portada, ou La Región:
Segundo nos conta Alexander dos Ríos, o que non sae no NO- DO son as pancartas dos veciños nas que se podía ler “Franco, el pueblo te quiere hablar” porque non estaban contentos co prezo ao que lles pagaran as terras expropiadas para levantar o encoro.
Encoros, a que prezo?
Como xa sabedes, o aproveitamento das augas para xerar enerxía inflúe directamente sobre a paisaxe e, neste caso, ademais de transformar o leito do río Limia afectou a varias poboacións que tiveron que, literalmente, trasladarse de sitio. Ademáis, moitas terras, casas ou pobos enteiros quedaron mergullados.
Entre estos, estaba o Balneario de Baños de Bande (do que se poden ver as termas romanas cando baixa o caudal do encoro), a ponte romana de Ponte Pedriña (que fora declarado BIC o 31 de Maio de 1944) ou os restos do campamento militar romano de Aquis Querquennis (que tamén se pode ver se baixa o caudal do río). Deixámosvos unhas fotos para que as vexades:
Fonte imaxe: El Faro de Vigo
Ponte Pedriña durante a construción do embalse de As Conchas.
Fonte imaxe: Arquivo de Galicia
Campamento romano de Aquis Querquennis na actualidade (co caudal do río baixo).
A día de hoxe este encoro segue sendo explotado co mesmo fin, xa non por FENOSA pero si por Naturgy, a empresa que a absorbeu.
Foto de Manuel Simoes
Ben, e que vos propomos?
Pois queremos que traballedes un pouco sobre a creación de encoros en Galicia, o seu funcionamento e aproveitamento, a súa influencia como modificador da paisaxe e o seu contexto histórico.
Por iso propoñémosvos que dedes resposta ás seguintes incógnitas:
a) Quen era Pedro Barrié de la Maza? Que pasado o une a Franco? Levantará máis “pantanos” en Galicia? cales? Que encoro dos que “levanta” será o maior de España por aquel entón?
b) Elixide un deles e elaborade unha breve ficha sobre eles: quen o levanta, cando, onde está situado, a que río afecta, que empresa o explotaba e cal o explota na actualidade, se afecta a poboacións ou non, se atopa oposición ou non na súa obra, quen o inaugura, algunha fotografía… Nada moi extenso. Na Internet tedes moitísima información e imaxes (mesmo vídeos). Se tedes algunha dúbida preguntádesnola.
c) Cando se proxecta a construción de centrais eléctricas, trátase de fornecer á poboación (e/ou á industria) que abastecen dunha enerxía suficiente e estable como para cubrir as necesidades enerxéticas en calquera momento, a pesar das fluctuaciones que poida haber na demanda.
A partir da información que atopedes sobre a potencia que xera a central do encoro que investigásedes ( MW, kVA, ollo coas unidades) calculade a enerxía que pode xerar cada día. E utilizando o resultado da actividade proposta a semana pasada sobre a estimación do consumo enerxético diario da vosa vivenda (que deberedes achegar aquí) calculade o número de vivendas similares que podería abastecer. Se abastece a un só municipio, podedes comparar ese número co número de vivendas dese municipio. Podedes atopar esa información na base de datos do INE: Táboa vivendas INE
d) Agora poñédevos na seguinte situación: se un día de inverno, cada unha desas vivendas tivesen que conectar, a maiores, 4 radiadores eléctricos de 2000 W todo o día, que extra de potencia ou de enerxía tería que fornecer a central? Que porcentaxe supoñería respecto a a nominal (a que di que xera, o dato que atopastes)?
e) Enviadesnos a ficha coa resposta a estas cuestións aos dous profes e listo!
Esta será a vosa última tarefa da materia, así que agardo que vos resulte interesante e que aprendades moito nesta pequena investigación.
Unha aperta ben grande,
Bea & Diego.
|
Ningún comentario:
Publicar un comentario