luns, 1 de xuño de 2020

4º ESO: "Dos tempos dos meus avós": publicidade e propaganda durante o franquismo


Bos días a todos! 😊🌞

Hoxe o profe Diego e eu propoñémosvos un traballo conxunto sobre o uso da publicidade con fins propagandísticos e adoutrinadores durante a época que estamos a traballar: o franquismo

Este traballo será valorado na materia de Historia e na materia de Plástica, para aqueles de vós que a cursedes, no seu apartado visual e técnico.

Neste caso parécenos moi interesante afondar no papel da muller durante o franquismo e o adoutrinamento a través desa publicidade, da educación, etc.

Para iso, imos deixar varios documentos que podedes analizar antes de levar a cabo a tarefa tan chula que vos imos a pedir hoxe:



En primeiro lugar deixámosvos a Guía da boa esposa, atribuída a Pilar Primo de Rivera membro da Sección Feminina da Falanxe Española, único partido legal do franquismo. 

Nesta guía ensínase á muller cal é o seu papel na familia, como ocuparse do fogar e, sobre todo, do seu marido. 


Esas ocupacións, reservadas ao ámbito doméstico garantiranlles a felicidade e o respecto da comunidade pois redundaban nos valores tradicionais que defendía o nacionalcatolicismo. Como veredes, nela exáltase a necesidade de coidarse, ser submisa e sacrificada pola súa familia e figurar sempre á sombra do seu marido, quen ocupaba o papel público, Esta guía, con once puntos (e un de agasallo) repartíase ás mulleres cando participaban no Servizo Social e permitiríalles “converterse na muller que el sempre soñou”. 








Sobre esta guía envorcáronse algunhas dúbidas sobre a súa autoría pero, non é o único exemplo. 

Como vimos estes días, no libro da materia Formación Político- Social para 1º curso de bacharelato e editado pola Sección Feminina de FET e das JONS, a imaxe e papel da muller estaba moi delimitado. Podedes ver algúns exemplos nas seguintes imaxes:

Neste fragmento explícase cal é o papel da muller e do home no ámbito familiar: mentras o home exerce a autoridade principal na familia (derivada directamente de Deus) a nai queda supeditada ao mesmo pero "merece tamén obediencia porque (...) nos educa" mentras o home traballa e gana o sustento da familia. 

Nesta imaxe podemos ver como mentras a muller se dedica as súas labores de costura o home arranxa os electrodomésticos, perpetuando os tradicionais roles de home-traballo mecánico VS muller- traballo doméstico.

Neste fragmento podemos ver como se describe o papel da muller durante o franquismo e que, está en consonancia con esa "guía" da boa esposa. Como nos din neste párrafo, a misión da muller era servir e por iso Deus a concebira como un "complemento necesario, esto é, como algo útil". Por suposto, o principal cometido feminino era a maternidade e por iste motivo (e non só pola nosa beleza ou delicadeza, como sinala o texto) mereciamos o amor da familia. Que vos parece?

Nesta imaxe vemos como recomendan que as nenas axuden as mamás a facer as labores da casa, inculcando o papel doméstico da muller.

Nesta última imaxe, que ilustra o libro, podemos ver a imaxe de muller-nai da que nos falan os anteriores párrafos. Ise papel que era primordial para a mesma.

Nesta presentación que vos adxuntamos a seguir,móstranse exemplos de anuncios publicitarios que utilizaban o rol social asignado á muller pola ideoloxía do nacionalcatolicismo de tal maneira que se cumpría un dobre propósito: por unha banda utilizábase a retórica da linguaxe publicitaria para abundar na imaxe que se pretendía proxectar do ideal de muller no franquismo, como nai e esposa, nun papel servil cara á familia e a sociedade e por outra banda utilizábase ese mesmo ideal inculcado ao longo dos anos e o desexo de alcanzalo como vehículo ou instrumento para a venda de produto.


Esta será unha técnica moi común en publicidade que converte a muller en reflexo dos valores e ideais dominantes nunha época e contexto determinados.


Pois ben, como tarefa para traballar este tema propoñémosvos que vos imaxinedes que na actualidade o franquismo seguise vixente e unha axencia publicitaria vos contratase para deseñar un anuncio seguindo os canons marcados pola ideoloxía oficial do Estado.

Por iso, queremos que deseñedes voso propio anuncio dun produto ACTUAL (un produto que non existise naquela época) pero coa visión e enfoque publicitario- propagandístico nacionalcatolicista que estivemos vendo.
O formato de traballo é libre (podedes usar medios dixitais ou analóxicos e pode ser estilo póster, vídeo ou calquera outro tipo de formato publicitario) pero debedes tentar reproducir a estética dos exemplos que vimos.
Cando o teñades listo debedes envialo aos dous profes (aqueles que cursedes ambas as materias: a materia de Historia e a de Plástica; os de Historia só a min) ao noso correo electrónico ou subíndoo no espazo específico das nosas aulas de Edmodo/ Google Classroom.

Nada máis por hoxe,
agardamos que vos guste este traballo!

Unha aperta,

Diego e Bea.


Ningún comentario:

Publicar un comentario