luns, 18 de maio de 2020

1º ESO Imos á Hélade!: Zeus, rei do Olimpo.


Bos días a todos!🌞

Hoxe imos a mergullarnos na mitoloxía grega e coñecer aos principais deuses gregos e as crenzas dos habitantes da Hélade.

Como sabemos, os gregos crían que existían moitos deuses, eran POLITEÍSTAS. Para explicar a orixe da Terra, a existencia dos homes e moitas cousas máis, elaboraron moitos mitos, narracións fabulosas onde se contaban as fazañas dos DEUSES e dos HEROES. 

Como veremos no seguinte tema, os romanos van a coller a relixión grega e adaptala ás súas crenzas.

Os deuses gregos (e os romanos tamén) tiñan forma humana, eran inmortais e tiñan poderes.
Vivían no Monte Olimpo e desde alí dirixían o mundo.
Cada deus é o patrón dalgunha cousa concreta (a muller, a guerra, a sabiduría...) e ten un atributo que o identifica (por exemplo un raio, un casco, unha lanza...). 

O deus máis importante e poderoso do Olimpo era ZEUS. A súa esposa é Hera (a deusa do fogar) e Poseidón (deus dos mares e océanos) e Hades (deus do inframundo) son os seus irmáns. Ten moitíííísimos fillos, algúns deles metade humanos, como os deuses Apolo, Afrodita ou Dionisio.

Cando un deus ou deusa tiña un fillo cun ser humano, nacía un semideus. Estos semideuses eran mortais.
Os heroes (moitas veces fillos dun deus e unha mortal) diferenciábanse dos humanos e dos deuses e caracterizábanse por poder realizar fazañas incríbles. Seguro que coñeces algún como o famoso Heracles/ Hércules ou Aquiles.

Pero ademáis, na mitoloxía clásica, temos moitos máis personaxes fantásticos que posuían calidades especiais, como os centauros (metade home, metade cabalo), os cíclopes (xigantes que só tiñan un ollo), etc.

E como se creou a Terra segundo a mitoloxía grega?


Os gregos contaban que Urano (o ceo) e Xea (a Terra) tiveron un fillo, Cronos (o tempo). Cronos, a súa vez, tivo varios fillos, un deles Zeus. Zeus enfrontouse a seu pai e gañou, converténdose no rei dos deuses.

Hai moitas pelis chulas sobre a guerra entre os titáns e os deuses, onde podedes ver este enfrontamento, por exemplo "Ira de Titanes" ou "Furia de Titanes".



Quen era quen?
Como vemos na seguinte lista, cada deus grego (en violeta) vai a ter o seu correspondente deus romano (en verde). Aquí vos deixo sobre que gobernaba cada un deles:
  • Zeus / Xúpiter (pai dos deuses)
  • Hera / Xuno (o matrimonio e a familia)
  • Apolo / Apolo (a arte)
  • Afrodita / Venus (o amor e a beleza)
  • Artemisa / Diana (a caza)
  • Hermes / Mercurio (o mensaxeiro)
  • Atenea / Minerva (a sabedoría)
  • Deméter / Ceres (a agricultura)
  • Hestia / Vesta (o lume do fogar)
  • Poseidón / Neptuno (o mar)
  • Dionisio / Baco (o viño)
  • Hades / Plutón (o inferno)
  • Ares / Marte (a guerra)
E onde adoraban os gregos aos deuses?

Os gregos, e logo os romanos, tiñan que ter contentos aos deuses para que todo lles fóse ben! Para iso levantaban TEMPLOS nas cidades. O caso é que os cidadáns normais non podían acceder ao interior do templo, onde se gardaba a estatua do deus ao que estaba adicado o tempo.
Cada ano celebrábanse festas na honra de cada deus, procesións, ofrendas, sacrificios (de animais: galiñas, ovellas...) e libacións (derramar un líquido como leite, mel, sangue...). Estas cousiñas facíanse nun altar que se poñía fronte o templo.

Os gregos (e os romanos) tamén tiñan que rezar nas súas casas aos deuses da familia e o fogar (chamados LARES e PENATES). Por iso, en cada fogar o pai de familia organizaba ese culto arredor dun pequeno altar (que se chamaba larario). Aquí vemos unha imaxe dun larario romano atopado na cidade de Pompeya nunha casiña coñecida como Casa Vetti:


E para coñecer o futuro?

Os gregos e romanos eran moi supersticiosos, por iso, antes de facer calquera cousa querían saber que opinaban os deuses e como lles ía saír o asunto.
Para isto, acudían aos ORÁCULOS, que eran recintos sagrados onde un sacerdote ou oráculo interpretaba a vontade dos deuses. A maioría das veces os mensaxes eran moi enigmáticos e tiñan que ser interpretados polas PITIAS ou SIBILAS.
Por exemplo, ás veces había que interpretar o voo ou canto dos paxaros (esto chamábase AUSPICIOS).

A pitia de Delfos interroga os deuses no templo de Apolo ante un sacerdote.

Como curiosidade, sabiades que os famosos Xogos Olímpicos naceron aquí, en Grecia, como unha forma de tributo aos deuses?
Pois sí. Os primeiros xogos tiveron lugar no 776 a.C. na cidade de Olimpia, onde se atopaba o santuario máis importante adicado ao deus Zeus.

Ata aquí por hoxe!!
Para repasar a mitoloxía tendes un cuestionario agardándovos na nosa aula de Edmodo.

Calquera dúbida podedes prantexarma ao meu email (b.nieto.ou@gmail.com) ou mediante o sistema de mensaxería de Edmodo.

Unha aperta moi grande!
Bea 🌈

Ningún comentario:

Publicar un comentario